Arranca en Compostela o I Encontro do Viño Galego Revera Vinum 

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo; o xerente de Turismo de Galicia, Emilio de la Iglesia; o director da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (AGACAL), José Luis Cabarcos; e o presidente da Asociación Hostalaría Compostela, Thor Rodriguez, inauguraron o I Encontro do Viño Galego Revera Vinum que se celebrará ata este xoves, 24 de marzo, no Hotel Monumento San Francisco.

Tras o discurso inaugural, realizaron un percorrido pola zona expositiva do Encontro, na que participan máis de 180 adegas de todas as DO e IXP galegas, e polo túnel do viño, no que é posible catar máis de 300 referencias. Estas actividades estarán abertas ao público, previa retirada de entrada, o martes 22 e o mércores 23 de marzo de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 20:30 horas e o xoves 24 de marzo de 11:00 a 14:00 horas.

Pola súa banda, AGACAL conta cun espazo dedicado a ‘Experiencias de Calidade’, nas que é posible asistir a diferentes catas e degustacións gratuítas. Tamén ofrecerán degustacións gratuítas Galicia Calidade (xamón e conservas), Ternera Gallega e o Concello do Pino (Galo Piñeiro). O programa completo, incluídas catas e talleres con algúns dos máis prestixiosos sumilleres e viticultores do país, pode consultarse na web reveravinum.gal

O Revera Vinum, promovido pola Asociación Hostalaría Compostela e organizado por Escenoset, conta co apoio da Xunta de Galicia, a Axencia Galega de Calidade Alimentaria (AGACAL) e o Concello de Santiago. Tamén conta co patrocinio de Ponte da Boga e Cervezas 1906, Gadis e coa colaboración de Viaqua, Grupo Roig, Cotelga, Novas & Mar, Galicia Calidade, Ternera Galle-ga, o Concello de O Pino, o CIFP Compostela, o CPR O Raio Verde, Artesanía de Galicia, AllWork, eBullicionar e Renfe, como transporte oficial.

Talleres de tiraxe de Cervezas 1906 e cata de Ponte da Boga
A zona expositiva do Encontro inclúe tamén un espazo dedicado a Cervezas 1906, no que se realizan talleres de tiraxe de cervexas de Hijos de Rivera. O horario para poder realizar estas formacións gratuítas é o martes 22 e o mércores 23 de marzo de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 20:30 horas e o xoves 24 de marzo de 11:00 a 14:00 horas.

Ponte da Boga está presente no Encontro cunha cata especial da man dos seus expertos que se celebrará hoxe martes 22 ás 17:00 horas na Sala Columnas.

Actividades paralelas
Coa finalidade de implicar a toda a cidade e ao sector hostaleiro neste Encontro, o Concello de Santiago colabora en dúas actividades paralelas do Revera Vinum: as ‘Rutas de Viño Revera Vinum Compostela’, que comezaron o pasado venres e durarán ata o domingo, e as ‘Catas con Maridaxe Musical Revera Vinum Compostela’, que mesturarán música e viño este mércores na Sala Riquela e o sábado na Sala Sonar.

Nas ‘Rutas de Viño Revera Vinum Compostela’ participan un total de 36 bares e restaurantes distribuídos en seis rutas: Ruta de San Lázaro (A Casa da Viña, A Grella, Bodeguilla de San Lázaro, Mesón de Lázaro, O Afiador e Pedra Santa); Ruta da Cidade Histórica (A fuego lento, A Tuna, Bar Suso, Café Casino, Comovino e Vinoteca Cervantes); Ruta San Pedro – Praza de Abastos (A Ostrería, A Medusa, A Sucursal de Moha, Bicoca, Bodegón Casas Chico, DeLito Espazo Gastronómico e O Dezaséis); Ruta San Clemente – Franco (A Lareira, Abellá, La Morena, Marte, Pumar, San Jaime e Ventosela); Ruta do Ensanche (Café D’Lucía, Café Bar Isla, Cafete-ría Arosa, Lido e Par6 Bar) e Ruta de Santa Marta (A Vaquiña, ArteSana Gastrobar, Bodeguilla de Santa Marta, Mera e O Ferro).

A clientela pode atopar nestes locais uns tarxetóns con estes itinerarios, que poderá ir comple-tando co selo do establecemento por consumir un viño con DO ou IXP galega.

Por cada ruta rematada, entrarase nun sorteo de diferentes agasallos como 10 experiencias Cheese & Wine na Adega Ponte da Boga, un percorrido guiado que culmina coa cata de 4 viños e a maridaxe do queixo galego máis axeitado para cada un deles. Sortearanse tamén lotes de viños, estancias de turismo rural…
Todos os regalos poden consultarse na web reveravinum.gal

Deja una respuesta