Dúas das actividades programadas no I Encontro do Viño Galego Revera Vinum xa esgotaron as súas prazas tan só 48 horas despois de saír á venda de forma online o pasado xoves. Trátase da ‘Cata de Climas’ que ofrecerán Xurxo Alba, Pablo Vidal e Álvaro Bueno o martes 22 de marzo; e a cata ‘Un Godello de altura’ que ofrecerá Rafael Palacios o mércores 23. 

Ademais, tampouco quedan prazas xa para asistir as Catas con Maridaxe Musical programadas en colaboración co Concello de Santiago. Estas celebraranse na Sala Riquela o mércores 23 de marzo cos sumilleres Miguel Rodríguez e Guillermo Cruz e a actuación de Sabela King & The Heartbreakers; e o sábado 26 con Martiño Santos e o grupo Hainas na Sala Sónar.  

Entradas e inscricións

A inscrición para as actividades de pago con algúns dos máis prestixiosos sumilleres e viticultores do país aínda con prazas libres pode realizarse a través da web reveravinum.gal Para as gratuítas hai que escribir a actividades@reveravinum.gal previa compra da entrada para a zona expositiva. As entradas teñen un prezo anticipado de 15 euros por día ou 30 euros para o acceso ao Encontro durante o 22, 23 e 24 de marzo no Hotel Monumento San Francisco (no despacho de billetes os propios días do evento os prezos serán 17 euros/día e 35 euros/bono). Poden adquirirse a través da web reveravinum.gal e tamén na sede da Asociación Hostalaría Compostela (Rúa Salvadas, 29); en Vide, Vide! (Rúa da Fonte de Santo Antonio, 10), Bodeguilla de San Lázaro (Rúa de San Lázaro, 104), Bodeguilla de Santa Marta (Avenida da Liberdade, 11), Viñoteca Ventosela (Rúa da Raíña, 28) e Casa de Xantar O Dezaseis (Rúa de San Pedro, 16).  

Este Encontro, promovido pola Asociación Hostalaría Compostela e organizado por Escenoset, conta co apoio da Xunta de Galicia, a Axencia Galega de Calidade Alimentaria (AGACAL) e o Concello de Santiago. Tamén conta co patrocinio de Ponte da Boga e Cervezas 1906, Gadis e coa colaboración de Viaqua, Grupo Roig, Cotelga, Novas & Mar, Galicia Calidade, Ternera Gallega, o Concello de O Pino, o CIFP Compostela, o CPR O Raio Verde, Artesanía de Galicia, AllWork, eBullicionar e Renfe, como transporte oficial. 

Talleres de tiraxe de Cervezas 1906 e cata de Ponte da Boga 

A zona expositiva do Encontro contará con máis de 180 adegas e un túnel do viño con máis de 300 referencias. Incluirá tamén un espazo dedicado a Cervezas 1906, no que se realizarán talleres de tiraxe de cervexas de Hijos de Rivera. O horario para poder realizar estas formacións gratuítas será o martes 22 e o mércores 23 de marzo de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 20:30 horas e o xoves 24 de marzo de 11:00 a 14:00 horas. 

Ponte da Boga estará presente no Encontro cunha cata especial da man dos seus expertos que se celebrará o martes 23 ás 17:00 horas na Sala Columnas. 

Rutas de viño

As ‘Rutas de Viño Revera Vinum Compostela’ desenvolveranse do 18 ao 27 de marzo. Participarán un total de 36 bares e restaurantes distribuídos en seis rutas: Ruta de San Lázaro (A Casa da Viña, A Grella, Bodeguilla de San Lázaro, Mesón de Lázaro, O Afiador e Pedra Santa); Ruta da Cidade Histórica (A fuego lento, A Tuna, Bar Suso, Café Casino, Comovino e Vinoteca Cervantes); Ruta San Pedro – Praza de Abastos (A Ostrería, A Medusa, A Sucursal de Moha, Bicoca, Bodegón Casas Chico, DeLito Espazo Gastronómico e O Dezaseis); Ruta San Clemente – Franco (A Lareira, Abellá, La Morena, Marte, Pumar, San Jaime e Ventosela); Ruta do Ensanche (Café D’Lucía, Café Bar Isla, Cafetería Arosa, Lido e Par6 Bar) e Ruta de Santa Marta (A Vaquiña, ArteSana Gastrobar, Bodeguilla de Santa Marta, Mera e O Ferro). 

A clientela atopará nestes locais uns tarxetóns con estes itinerarios, que poderá ir completando co selo do establecemento por consumir un viño con DO ou IXP galega. 

Por cada ruta rematada, entrarase nun sorteo de diferentes agasallos, como 10 experiencias Cheese & Wine na Adega Ponte da Boga consistentes nun paseo por viñedos, envoltos nun clima atlántico continental, coñecendo a adega e a curiosa forma de elaborar os seus viños. Un percorrido guiado que culmina coa cata de 4 viños e a maridaxe do queixo galego máis axeitado para cada un deles.

Sortearanse tamén lotes de viño da DO Monterrei, DO Ribeiro e da adega Valmiñor; visitas ás adegas do Grupo Regina Viarum e a Adegas Terras Gauda; bonos con cata de viños e queixos e visita a Bodegas Martín Códax; unha estancia na casa de turismo rural da Adega Lagar da Costa, etc. 

Deja una respuesta